CSIF ENSINO valora o inicio do curso 2024/25

  • Prensa y Comunicación

11 de septiembre de 2024

Dende CSIF Ensino consideramos que a  Consellería de Educación só "fai propaganda” cos datos sobre o inicio do curso 2024-2025 e  presenta unha serie de medidas que non ofrecen nada novo, xa que están recollidas no “Pacto de mínimos” asinado con CC.OO, UGT e ANPE, “ao que nos opuxemos por ser claramente prexudicial para os intereses tanto do profesorado de primaria como do alumnado, e que deixa completamente esquecido ao profesorado de educación secundaria”.

Para CSIF, o curso 2024-2025 que hoxe comeza poñerá en evidencia que dito pacto, “tal e como denunciamos no seu momento”, significa “claudicar e renunciar” a dar resposta ás necesidades máis urxentes da comunidade educativa, xa que non se recolle ningunha delas, nin sequera a tan publicitada sobre a redución de ratios.

CSIF denuncia que Galicia abre as súas aulas cos mesmos problemas cos que as pechou: escasa inversión, plantillas insuficientes, déficit de persoal, falta de racionalización das ratios para garantir a calidade do ensino, peche de unidades no rural, falta de recursos nos centros e un “profesorado menosprezado e sobrecargado polo exceso de burocracia”.

Desde a Central Sindical, criticamos tamén o nulo compromiso real co alumnado con necesidades especiais, xa que non só non se dota de persoal docente suficiente, senón que o reforzo aprobado a través do Programa Proa+ non se incorporará de forma automática, senón que debe ser o centro o que o solicite e cun compromiso de implicación do 60% do claustro, o que suporá máis burocracia.

“Este aumento na carga administrativa será un obstáculo adicional para aqueles centros que realmente precisan estes reforzos. A complexidade do proceso deste Plan desincentivará a participación, o que podería deixar desatendidos a moitos estudantes con necesidades especiais, que son precisamente quen máis precisan un apoio efectivo e inmediato”, consideramos desde CSIF.

Sobre as condicións laborais do profesorado, desde a Central Sindical insistimos na necesidade de recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada na última década, así como recuperar a estrutura salarial previa aos recortes establecidos no Real Decreto-lei 8/2010, o que pasa pola firma dun novo acordo salarial vinculado ao IPC, con cláusula de revisión salarial, “pola que seguiremos traballando”.

“Recordamos  que CSIF foi o único sindicato que se opuxo en Madrid ao acordo de retribucións asinado por UGT e CCOO co goberno central, que supuxo unha perda acumulada de poder adquisitivo do 6,8 por cento desde a firma de dito acordo en 2022"

COMPARTIR