Nota informativa das Mesas Xeral e Sectorial celebradas o 31 de xaneiro

  • CSIF Informa

3 de otsaila de 2025

O pasado venres 31 de Xaneiro celebráronse, as reunións da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Mesa Sectorial de Empregados Públicos coas seguintes Ordes do día:

 

Mesa Xeral:

  • Modificación da RPT da Consellería de Educación, Ciencia , Universidades e Formación Profesional.

Esta modificación corresponde ás adaptacións que ten que levar a cabo a Consellería derivadas do Decreto 42/2024 polo que se establece a nova Estrutura Orgánica da Xunta de Galicia, na que parte das responsabilidades desta Consellería pasan á de Cultura Lingua e Xuventude.

Independentemente das necesidades de adaptación á nova estrutura, este Sindicato non pode estar de acordo coa amortización de 28 postos de traballo (correspondentes a persoal non docente dos centros) propostos pola Consellería, e a creación de 12 postos (case na súa totalidade de Xefaturas).

  • Modificación da RPT de Funcionarización de varios postos da Administración Especial da Comunidade autónoma de Galicia.

Esta modificación supón a adaptación de varios postos que incrementan a súa categoría e doutro que debe adaptarse por Sentenza Xudicial. Neste punto o sindicato apoia as melloras nos postos e insta á Administración a que se apliquen as Sentencias Xudiciais en tódolos casos e coa mesma premura.

Mesa Sectorial:

  • Proposta de Resolución pola que se presenta a negociación o Modelo de Bases da Convocatoria de Concurso Específico para a provisión de postos incluídos no ámbito de aplicación da lei 2/2015 de Emprego Público de Galicia.

Esta foi a parte mollar das reunións xa que se propoñía un texto da primeira convocatoria deste tipo dende que se publicara a Lei de Emprego Público de Galicia.

Dende este sindicato amosamos a nosa desconformidade coa forma e os tempos nos que se nos plantexaron para a discusión sobre esta Resolución xa que pasados dez anos dende a aprobación da Lei e dous dende a aprobación do decreto 151/2022 que regula a mobilidade dos Funcionarios Públicos, a dirección Xeral de Emprego Público, pretendía que en corenta e oito horas, os representantes dos traballadores, fósemos quen de estudar, e dar solución, a tódalas ramificacións que pode ter esta resolución. Por esta razón, este sindicato solicitou que se aumentase o prazo de alegacións ao texto presentado conseguindo que se adiase ata o día 14 de Febreiro a convocatoria dunha nova reunión para tratar, exclusivamente, este tema.

De todas formas, apuntamos xa varias matizacións ao texto, solicitando explicacións acerca de varios temas, como por exemplo que pasará co Persoal Funcionario que estea inmerso nalgún dos procesos de concursos de traslados que actualmente están abertos xa que non temos datas de resolución dos citados concursos que poderían solaparse coa convocatoria de Concurso Específico e podería darse o caso de non poder participar nestes últimos se non pasaron 6 meses dende a Resolución do concurso ordinario. Isto provoca unha incerteza na toma de decisións acerca de participar ou non nos concursos con un mínimo de garantías.

Incidimos tamén na necesidade de aclaración acerca de situacións determinadas que impidan que o persoal funcionario poida presentar a memoria curricular esixida na Norma e como se podería solucionar esta problemática.

PARTEKATU