A Xunta de Persoal da área sanitaria de A Coruña-Cee solicita o cese do seu xerente
- Prensa y Comunicación
12 de otsaila de 2025

A Xunta de Persoal da área sanitaria de A Coruña-Cee reclama o cesamento inmediato do xerente, Luis Verde Remeseiro, tras considerar que a súa xestión é responsable de graves deficiencias asistenciais e de seguridade que poñen en risco tanto a pacientes como a profesionais. A situación alcanzou un punto crítico o pasado 3 de febreiro, cando unha agresión no servizo de urxencias do CHUAC evidenciou a falta de protocolos eficaces para protexer ao persoal sanitario.
Deficiencias na atención en urxencias psiquiátricas
A Comisión de Centro do CHUAC leva tempo denunciando as condicións precarias na atención a pacientes de saúde mental nas urxencias:
- Falta de espazos e persoal específico.
- Supervisión insuficiente para pacientes que requiren vixilancia individualizada.
- Carencia de camas na unidade de psiquiatría de agudos de Oza, o que provoca que pacientes pasen días ou semanas nas urxencias do HUAC sen a atención adecuada.
A resposta da Xerencia foi asignar temporalmente dúas habitacións da unidade de rehabilitación para estes pacientes, medida que a representación do persoal cualifica de insuficiente e indigna. Ademais, a prometida ampliación da unidade de agudos segue sen iniciarse malia ser anunciada hai anos.
Falta de seguridade no servizo de atención primaria
Desde 2020, a Comisión de Centro de Atención Primaria da área sanitaria vén alertando sobre a falta de seguridade no servizo de atención primaria de Curtis-Teixeiro, especialmente na atención a reclusos do centro penitenciario. A pesar de que en xaneiro de 2024 se aprobou un protocolo para garantir a seguridade do persoal sanitario, este foi incumprido en varias ocasións, expoñendo a profesionais a situacións de risco.
Protocolos obsoletos e insuficientes en materia de seguridade
A agresión a un enfermeiro o 3 de febreiro puxo de manifesto a falta de protocolos actualizados para a atención de pacientes potencialmente agresivos. A Xunta de Persoal denuncia que os documentos vixentes son antigos, descoñecidos para moitos traballadores e non contemplan medidas de prevención e protección eficaces.
Exixencia de responsabilidades
Diante desta situación, a Xunta de Persoal solicita ao Conselleiro de Sanidade o cese inmediato de Luis Verde Remeseiro como xerente da área sanitaria de A Coruña-Cee, ao consideralo responsable das deficiencias estruturais e de seguridade que derivaron nos incidentes denunciados.
*Consulta o texto completo do escrito presentado hoxe na Consellería