CSIF asina, xunto ao resto de sindicatos, o Plan de Formación Continua da FEGAMP 2025

  • Formación

8 de abril de 2025

CSIF, xunto ao resto de organizacións sindicais con representación, asinou onte a aprobación da proposta do Plan de Formación Continua para o ano 2025 no marco da Mesa Nacional Galega de Formación, reunida na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Tras esta aprobación, abrirase hoxe, martes 8 de abril, o prazo de inscrición para os cursos recollidos no plan, que permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de abril. Está previsto que esta edición poida formar a preto de 1.900 empregados e empregadas das administracións locais galegas.

O plan inclúe un total de 41 cursos en modalidades presencial, en liña e telepresenza, sumando 1.880 prazas destinadas ao persoal dos concellos, deputacións, consorcios e mancomunidades de Galicia.

Entre os contidos destacan formacións xa consolidadas como o procedemento administrativo local e as novidades do Real Decreto 2023/202, a prevención da violencia dixital, ou a aplicación práctica da intelixencia artificial na xestión pública local. Ademais, incorporáronse novos cursos como os dedicados ao uso de sistemas de información xeográfica QGIS, o acoso no contorno laboral ou a xestión de residuos urbanos.

Toda a información sobre os cursos e o proceso de inscrición está dispoñible desde hoxe na web da FEGAMP.

Información de interés:

PERÍODO DE INSCRICIÓN: do 8 ao 15 de ABRIL de 2025 (AMBOS INCLUÍDOS).   
As fichas recibidas despois do período de inscrición, rematado o 15 de abril, serán consideradas FÓRA DE PRAZO. No caso de haber prazas vacantes nalgún curso, abriremos a inscrición ata que se complete.
INSCRICIÓN: É obrigatorio certificar a vinculación como persoal da administración local, coa cabeceira da última nómina ou calquera outro certificado que o acredite. Sen calquera deles non se poderá rexistrar a solicitude.
NÚMERO DE CURSOS: poden solicitarse un máximo de 3 cursos.  O/A solicitante pode ser admitido/a en 1, 2, 3 ou en ningún curso segundo sexa o caso. Só pode enviar unha ficha de inscrición.
SELECCIÓN DE ADMITIDOS: Cando se faga a selección dos alumnos enviaremos un correo electrónico aos admitidos/as polo que solicitamos que o revisen e tamén o spam, posto que hai un prazo para renunciar ou aceptar o curso e, no caso de non contestar, serían penalizados.
CERTIFICADOS DE ASISTENCIA E APROVEITAMENTO: enviaranse por correo electrónico, unha vez recibidas as actas de avaliación do total de participantes. O envío dos mesmos comezará a partir do mes de setembro.

 

COMPARTIR