Csif solicita a solución dos problemas de humidades nos Xulgados de Viveiro
- Otros artículos
22 de January de 2025
Dende CSIF solicitamos que se dea unha solución inmediata ao problema de filtración de auga que teñen nunha das oficinas do Xulgado mixto número 2 de Viveiro.
Como xa lle solicitamos a esta Delegación Territorial no noso escrito de 02/04/2024, debe arranxarse con urxencia o problema das humidades nas oficinas do Xulgado Mixto número 2 de Viveiro.
O problema leva anos existindo, comezou cunha pequena filtración pero foi a máis. No pasado ano 2024 fixéronse algunhas tarefas de mantemento e limpeza do tellado, porén ao non quedar arranxado, coa chegada do inverno, xorde de novo o problema.
A auga cae moi preto da mesa dunha funcionaria que non pode pór os expedientes sobre a mesma, porque se o fai, móllanse. O mofo exténdese o longo de toda a parede o que fai que a oficina sexa insalubre. E, a maiores, dita filtración pode resultar perigosa xa que se atopa moi próxima ao ordenador e cableado, amais o risco de que o teito acabe caendo de seguirmos con esta climatoloxía adversa. Achéganse xunto a este escrito diversas fotos onde pode verse a situación actual.
Polo exposto, dende CSIF solicitamos que se atenda esta petición de xeito urxente.