A Xunta consultará ao Estado se é obrigatorio aplicar a cotización adicional para a xubilación anticipada dos bombeiros forestais dende a entrada en vigor da nova Lei 5/2024
- Otros artículos
10 de April de 2025

A proposta de CCOO, CSIF e UGT, a Xunta formulará unha consulta oficial ante a Administración do Estado sobre si existe obriga legal de aplicar unha cotización adicional para a redución da idade de xubilación por aplicación de coeficientes redutores dende a data de entrada en vigor da Lei 5/2024 básica de bombeiros forestais.
O mércores 9 de abril de 2025, as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT mantivemos unha xuntanza con responsables da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural. Dita reunión solicitouse o pasado 24 de febreiro para abordar, entre outras cuestións, a redución da idade ordinaria de xubilación dos bombeiros forestais mediante a aplicación dun coeficiente redutor.
Sendo conscientes do caos interpretativo que existe sobre o tema, e visto o criterio de xestión emitido pola Subdirección General de Ordenación y Asistencia Jurídica do Instituto Nacional de la Seguridad Social de data 5 de marzo de 2025 -no que conclúe que para ter en conta os periodos traballados como bombeiro forestal anteriores a entrada en vigor da lei 5/2024 é necesaria a modificación do Real Decreto 383/2008-, consideramos que, en todo caso, a obriga de iniciar a aplicación dun tipo de cotización adicional sobre a base de cotización por continxencias comúns nace dende o mesmo instante da entrada en vigor la lei, o pasado 10 de novembro de 2024.
De conformidade coa Orde PJC/178/2025, dende o 1 de xaneiro de 2025 o tipo de cotización adicional para os bombeiros ao servizo das administracións públicas é do 10,60 por cento, do que o 8,84 por cento será a cargo da empresa e o 1,76 por cento, a cargo da persoa traballadora.
Os responsables da Secretaría Xeral nos tramiten que non dispoñen de información ao respecto, pero entenden necesario clarexar o tema de xeito oficial.
A fin de dar seguridade xurídica a todo o colectivo de bombeiros forestais e dar un paso máis na consecución real da redución da idade de xubilación, dende CCOO, CSIF e UGT propuxemos que dende a Secretaría Xeral se faga unha consulta oficial ante os órganos competentes da Administración do Estado sobre dita cotización adicional. Tras aceptar a proposta sindical, o compromiso é que a consulta se fará efectiva nos vindeiros días.
Na xuntanza tamén solicitamos a convocatoria da comisión de seguimento do “acordo de condicións de traballo do persoal funcionario” para tratar algúns problemas relativos ás autorizacións de vacacións, a cobertura de postos de traballo e avanzar en cuestións pendentes: bases, equipamento, avituallamento…